A continuación ofrecémosche unha relación de bolsas de prácticas remuneradas para realizar estancias de formación e traballo no exter...

Prácticas remuneradas que podes facer fóra de España



A continuación ofrecémosche unha relación de bolsas de prácticas remuneradas para realizar estancias de formación e traballo no exterior. Se estás interesado/a en adquirir experiencia profesional mentres aprendes un idioma estas bolsas de prácticas son unha boa opción. Cada ano son solicitadas por milleiros de estudantes e titulados/as.


Bolsas Argo

Se te licenciaches no últimos tres anos e tes menos de 35 anos, este é o teu programa. As bolsas Argo, dependentes do Ministerio de Educación, ofrecen a posibilidade de realizar prácticas durante un máximo de 6 meses en 2.000 empresas europeas e estadounidenses con sede en Europa, Norteamérica, Asia e Oceanía. A dotación económica oscila entre os 480 e os 1.300 euros, no caso dos países do leste de Europa e de Australia, respectivamente. Máis da metade son pemes pero tamén hai multinacionais como Nokia, Adidas, Ferrovial, Ericsson ou Greenpeace.

Non é sinxelo obtela. Valórase a nota media da carreira, os traballos relacionados coa especialización de cada estudante e o dominio do idioma do país de destino.

Para formar parte do proceso de selección hai que rexistrarse na páxina web, encher os formularios e seleccionar 7 destinos en orde de prioridade. Cando a organización recibe unha oferta, ponse en contacto cos perfís que mellor se adaptan. Os seleccionados/as teñen a posibilidade de rexeitar até 5 ofertas. 

Entre 2009 e 2013, estas bolsas tiveron 90.000 solicitantes. En 2015 concedéronse 197 axudas.


Máis información:


Páxina web: www.becasargo.es


Bolsas Faro

A diferenza de Argo, o programa Faro, tamén dependente do Ministerio de Educación, está orientado a estudantes menores de 30 anos que aínda non terminaron o grao ou se atopan inmersos/as no seu proxecto de fin de carreira. As bolsas teñen unha duración de cinco ou seis meses non prorrogables e unha asignación mensual que varía segundo o país de destino (desde 480 euros para países do leste de Europa até 1.200 euros mensuais para Estados Unidos ou 1.300 para Australia). Arredor do 40% das empresas participantes ofrecen un complemento económico. Para participar é necesario superar o 70% dos créditos do grao.

O proceso de solicitude é similar ao do programa Argo, coa diferenza de que os candidatos/as reciben unha puntuación de 1 a 50 conforme aos seus logros curriculares. Nas pasadas edicións, de 2008 a 2013, rexistráronse 29.000 mozos/as.


Máis información:


Páxina web: www.becasfaro.es



Bolsas da Unión Europea

A Unión Europea conta con bolsas para titulados/as universitarios/as en varias institucións. Entre elas as do Parlamento e a Comisión son as que contan cun maior número de participantes. Cada ano outórganse ao redor de 1.400 bolsas de cinco meses nas sedes de Bruxelas e Estrasburgo en dúas convocatorias (de outubro a febreiro e de marzo a xullo), cunha retribución de 1.000 euros. Os requisitos para participar no proceso de selección son o dominio de dous idiomas europeos, sendo un deles o francés, o inglés ou o alemán, e contar cunha licenciatura/grao.

Nas demais institucións e organismos existen tanto prácticas remuneradas como non remuneradas. Normalmente as convocatorias publícanse cada 5 meses porque esta é a duración habitual das bolsas.


Máis información:





Bolsas da Rede Eures

A Rede Eures é un portal dependente da Unión Europea. Dispón dunha media de 1.800.000 ofertas de traballo propias e de máis de 4.500 empresas europeas. Entre elas tamén hai prácticas para estudantes ou recentemente graduados/as. Basta con rexistrarse e subir o currículo á súa base de datos para formar parte dos procesos de selección. Os expertos/as en recursos humanos da rede póñense e en contacto cos candidatos/as cando reciben unha oferta que se adapta ás súas características. Ademais, dispoñen de conselleiros/as en todos os países da Unión que proporcionan asesoramento ao candidato/a sobre condicións de traballo, situación do mercado laboral ou estilo de vida do país de destino. En Pontevedra son María Teresa Serrano Moreno e Elisa González Pérez (Euroconselleira Eures Transfronterizo España-Portugal). As consultas pódense facer por teléfono, a través da súa web ou das súas contas de Twitter ou Facebook.


Máis información:





Bolsas ICEX

Convocadas polo Instituto Español de Comercio Exterior (ICEX), as bolsas ICEX ofrecen formación sobre comercio internacional no estranxeiro e tamén a realización de prácticas nas oficinas da Rede Exterior do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e en empresas españolas con actividade internacional.



Máis información:


Páxina web: http://becas.icex.es



Bolsas AIESEC

As bolsas de carácter profesional e social AIESEC están dirixidas a estudantes universitarios/as e recentemente graduados/as que buscan realizar prácticas en empresas e entidades non gobernamentais de todo o mundo. Os/as estudantes beneficiarios/as perciben unha axuda económica para realizar esta estancia de prácticas empresariais no estranxeiro. 

AIESEC é unha organización global sen ánimo de lucro formada por mozos/as profesionais, estudantes e recentemente graduados/as de institucións de educación superior. Traballa con empresas e entes non guberanmentais de todo o mundo: empresas como PricewaterhouseCoopers, Vale, UBS, Alcatel-Lucent, ABN AMRO, Electrolux, InBev, Microsoft, KPMG, Siemens e Motorola entre outras moitas máis. A súa oficina central atópase en Rotterdam, Países Baixos.


Máis información:


Páxina web: www.aiesec.org.es



Bolsas Vulcanus

As bolsas Vulcanus están orientadas a estudantes europeos de cuarto ano de calquera enxeñería ou posgraos das ramas de enxeñerías ou ciencias que estean interesados/as en traballar en Xapón. Organízaas anualmente o Centro para a Cooperación Industrial da Unión Europea e Xapón. Participan multinacionais tanto estranxeiras como de orixe nipón como Toyota, Honda, Hitachi, Toshiba ou Sanyo. A prestación económica total é de 1.900.000 yens (14.800 euros aproximadamente), e a duración do programa é dun ano, de setembro a agosto, repartido en catro meses de clases de xaponés en Tokio e oito meses de prácticas nunha empresa xaponesa.


Máis información:



O Último