O Concello de Lalín inciará en breve un curso para a obtención do certificado de profesionalidade "Operacións de Fontanería e Cal...

O Concello de Lalín impartirá un curso para a obtención do certificado de profesionalidade Operacións de Fontanería e Calefacción - Climatización Doméstica


O Concello de Lalín inciará en breve un curso para a obtención do certificado de profesionalidade "Operacións de Fontanería e Calefacción - Climatización Doméstica" (558 horas) dirixido prioritariamente á inserción e reinserción laboral de persoas traballadoras desempregadas.

A formación, de carácter presencial e gratuíta, proporciona unha acreditación oficial das cualificacións profesionais recollidas no Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais recoñecendo a capacitación para realizar a  instalación de tubaxes, preparando, cortando e  unindo tubos de diferentes tipos de materiais segundo o tipo de instalación, e/ou montar e/ou desmontar aparellos sanitarios, radiadores e aparellos de climatización de uso doméstico, coas condicións adecuadas de calidade e seguridade, de acordo ás normas establecidas.


Módulos formativos do Certificado de Profesionalidade


MF1154_1: Instalación de tubaxes (170 horas).
- Replanteo e preparación de tubaxes (50 horas).
- Manipulación e ensamblaxe de tubaxes (90 horas).
- Prevención  de riscos, seguridade laboral  e  ambiental na instalación de aparellos e tubaxes (30 horas).

MF1155_1: Instalación e mantemento de sanitarios e elementos de climatización (180 horas).
- Instalación e mantemento de aparatos sanitarios de uso doméstico (60 horas).
- Instalación e posta en marcha de aparellos de calefacción e climatización de uso doméstico (90 horas).
- Prevención  de riscos, seguridade laboral  e  ambiental na instalación de aparellos e tubaxes (30 horas).

MP0090: Módulo de prácticas profesionais non laborais de Operacións de Fontanería e Calefacción - Climatización Doméstica (160 horas).

A superación de todos os módulos supón:

- A obtención da formación que da acceso ao certificado de profesionalidade correspondente.
- O cumprimento dos requisitos de acceso aos certificados de profesionalidade de nivel superior (nivel 2) da mesma familia e área profesional (Familia Profesional: instalación e mantemento. Área Profesional: montaxe e mantemento de instalacións).

Ademais o curso conta con 3 módulos transversais: "Inserción Laboral, Sensibilización Ambiental e na Igualdade de Xénero" (10 horas), "Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes e Corresponsabilidade Familiar e Doméstica" (8 horas) e "Creación de Empresas" (20 horas).


Requisitos de acceso á formación e selección de participantes


A formación ten un nivel de cualificación profesional 1 polo que non se esixen requisitos formativos nin profesionais.

As persoas desempregadas son as principais destinatarias desta formación polo que para acceder a ela é necesario ter realizada a inscrición como demandante no Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) con data anterior á súa incorporación ao curso e solicitalo expresamente na oficina de emprego.

Os candidatos/as serán seleccionados/as e convocados/as pola oficina de emprego con 15 días hábiles de antelación á realización da proba de selección no Concello.

Igualmente, poderán participar as persoas traballadoras ocupadas (cun límite do 25% das prazas) cando o curso non se cubra con persoas traballadoras desempregadas (deberán solicitalo directamente no Departamento de Emprego municipal).


Número máximo de persoas alumnas participantes


O número máximo de persoas alumnas participantes no curso é de 15, e non poderá iniciarse a acción formativa se non se reúne un mínimo de 10 alumnos/as presentes o primeiro día.


Ocupacións e postos de traballo que se poden desempeñar


- Fontaneiro/a instalador/a-mantedor/a.
- Instalador/a de tubaxes, en xeral.
- Mantedor/a de calefacción.
- Mantedor/a de climatización.
- Instalador/a-mantedor/a de redes de rega e fontes decorativas.
- Instalador/a-mantedor/a de redes contra incendios.


Máis información


Concello de Lalín. Departamento de Emprego (Praza de Galicia nº 1, Lalín). Tlf. 986787060.
Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG). Oficina de Emprego comarcal (Avda. Buenos Aires nº 45 baixo, Lalín). Tlf. 886151246.

O Último