A Deputación Provincial de Pontevedra abre a convocatoria de tres bolsas de práctica laboral para titulados/as universitarios/as con des...

A Deputación de Pontevedra convoca 3 bolsas de práctica laboral con destino á Estación Fitopatolóxica Areeiro


A Deputación Provincial de Pontevedra abre a convocatoria de tres bolsas de práctica laboral para titulados/as universitarios/as con destino á Estación Fitopatolóxica do Areeiro (Pontevedra):

1 bolsa para titulados/as en Enxeñería de Montes.
1 bolsa para titulados/as con Licenciatura/grao en Bioloxía.
1 bolsa para titulados/as en Enxeñería Agrónoma.

As bolsas terán unha duración dun ano, contado desde a data na que as persoas adxudicatarias comecen o seu labor, e poderán prorrogarse por períodos anuais ata un máximo de catro anos.


Requisitos para ser beneficiario/a das bolsas


Poderán ser beneficiarias destas bolsas aquelas persoas físicas que, con plena capacidade de obrar e sen estaren inhabilitadas para a obtención de axudas e subvencións públicas, reúnan os seguintes requisitos:

a) Ter a nacionalidade española ou dalgún dos países membros da Unión Europea.

b) Estar en posesión do título de Enxeñaría de Montes, Enxeñería Agrónoma ou licenciatura universitaria ou grao en Bioloxía ou estar en condicións de obtelo na data na que remate o prazo de presentación de solicitudes.

c) Cumprir cos requisitos de acceso ao doutoramento establecidos no R. d. 99/2011, de 28 de xaneiro, polo que se regulan as ensinanzas oficiais de doutoramento, que teña relación coa bolsa solicitada.

d) Non ter feitos os 35 anos na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

e) Non estar incapacitadas fisicamente nin padecer ningunha enfermidade que poida impedir o desenvolvemento da actividade obxecto da bolsa.

f) Non ser beneficiarias anteriormente dunha bolsa na Deputación de Pontevedra nin nos seus organismos autónomos dunha duración superior a seis meses.

g) Non ter experiencia laboral previa na profesión ou área de coñecemento, entendendo por tal estar contratadas polos grupos de cotización correspondentes aos niveis formativos da titulación esixida ou estar dadas de alta como autónomas por un período de tempo superior a seis meses.

h) Estar inscritas nalgunha oficina do Servizo Público de Emprego de Galicia da provincia de Pontevedra como demandante ou en mellora de emprego.

i) Acreditar o coñecemento da lingua galega, nivel Celga IV.

j) Estar dispostas a asumir os gastos de desprazamento ao centro de traballo de destino.

k) Non estar incursas nalgunha das prohibicións sinaladas no artigo 13 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións (LXS).


Procedemento de selección


O proceso de selección das persoas beneficiarias das bolsas será: valoración de méritos, proba tipo test e entrevista persoal.


Prazo de presentación de solicitudes


O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (11.01.2017).


Máis información


Convocatoria de tres bolsas de práctica laboral para persoas coa titulación de enxeñaría de montes, licenciatura universitaria ou grao en bioloxía e enxeñaría agraria, con destino á Estación Fitopatolóxica Areeiro da Deputación de Pontevedra (BOPPO núm. 7 do 11.01.2017).
Convocatoria e formulario de solicitude na páxina web da Deputación Provincial de Pontevedra.

O Último