A Deputación de Pontevedra, a través do Boletín Oficial da Provincia, publicou o mércores 14 de outubro as bases da convocatoria de 10...

Bases de selección de 10 bolsas de prácticas no programa comunitario de compostaxe da provincia de Pontevedra


A Deputación de Pontevedra, a través do Boletín Oficial da Provincia, publicou o mércores 14 de outubro as bases da convocatoria de 10 bolsas de práctica laboral para mestres/as composteiros/as dependentes do organismo provincial.

As bolsas están destinadas a persoas inscritas no Servizo Público de Emprego (en desemprego ou en mellora de emprego) coa finalidade de completar a súa formación na área da xestión dos residuos orgánicos de orixe doméstico cara á súa incorporación ao mercado laboral.

O prazo de presentación de solicitudes finalizará o sábado 24 de outubro, 10 días naturais despois da publicación do anuncio oficial.

Que é o compost?


O compost é o resultado de transformar restos de comida e de vexetais en abono natural. Este proceso de transformación non require ningún mecanismo, motor ou gasto de mantemento; simplemente un compostador.

Como é o proceso de selección das bolsas?


Para participar no proceso de selección das bolsas os/as aspirantes deben seguir dous pasos:

En primeiro lugar deben realizar unha preinscrición previa a través da páxina web da Deputación segundo o modelo oficial de solicitude, que deberá ser enviado virtualmente. Logo de cubrir e enviar ese documento débese descargar e imprimir o xustificante electrónico xerado pola páxina web. Nese xustificante inclúese un código único de preinscrición. En segundo lugar, débese presentar o xustificante electrónico xerado na preinscrición, debidamente asinado, no Rexistro da Deputación xunto coa documentación requerida antes do 24 de outubro.

Os/ás aspirantes deberán estar inscritos/as no Servizo Público de Emprego de Galicia e ter estudos mínimos de ciclo superior de Formación Profesional. Deberán pasar unha proba de selección tipo test de 100 preguntas sobre conceptos básicos de Bioloxía, Química e Bioquímica, conservación do medio, efectos dos residuos e lexislación específica a nivel local, autonómico, estatal e europeo. Tamén se enfrontarán a unha entrevista persoal. A primeira parte terá unha puntuación máxima de 100 puntos (será excluínte) e a segunda de 20. O tribunal seleccionador estará formado por técnicos/as e funcionarios/as.

Os/as 20 mellores aspirantes pasarán a unha segunda fase: un curso de formación intensivo de entre seis e oito semanas (12 horas semanais) no que expertos/as recoñecidos/as no sector (de Cataluña, Navarra, Guipúzcoa ou Italia) se encargarán das explicacións. Tamén haberá clases maxistrais de profesores/as universitarios/as convidados/as. Finalizado o curso, a comisión seleccionadora proporá a adxudicación das dez bolsas convocadas aos/ás aspirantes que obtivesen a maior puntuación, que obterán tamén a titulación de mestre/a composteiro/a (pendente de homologación polo Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente).

A incorporación efectiva dos bolseiros/as producirase de xeito paulatino en función das necesidades reais marcadas polos centros de compostaxe comunitarios que vaian sendo creados. O resto de aspirantes que superasen o curso pasarán a formar parte dunha lista de reserva para os casos de renuncia ou incumprimento de obrigas. A remuneración dos bolseiros/as correrá a cargo da Deputación durante un período de seis meses prorrogables a outros seis meses máis nunha contía de 1.400 euros ao mes (cos gastos de desprazamento incluídos). O seu traballo consistirá no mantemento dos centros de compostaxe comunitario e no asesoramento e divulgación do sistema. Poderán exercer a súa actividade en varios concellos a un mesmo tempo.

Máis información:

O Último