A Consellería de Economía, Emprego e Industria, abre a convocatoria 2016 de axudas do programa de fomento e consolidación do emprego nas...

Axudas do Programa de fomento e consolidación do emprego nas pequenas empresas de nova creación


A Consellería de Economía, Emprego e Industria, abre a convocatoria 2016 de axudas do programa de fomento e consolidación do emprego nas pequenas empresas de nova creación.

A finalidade deste programa é xerar emprego estable para persoas desempregadas, principalmente entre a mocidade, os homes maiores de 45 anos e as mulleres.


Tipos de axuda


O programa de fomento e consolidación do emprego nas pequenas empresas de nova creación inclúe os seguintes tipos de axudas:

a) Subvención á xeración de EMPREGO estable: creación de postos de traballo estables de carácter indefinido mediante a contratación de persoas desempregadas.

b) Subvención para FORMACIÓN: financiamento parcial da formación relacionada coas funcións xerenciais da persoa promotora ou empresaria e/ou a formación directamente relacionada coa actividade que van desenvolver, de xeito que estes estudos contribúan á boa marcha da empresa.

c) Subvención para o INICIO DA ACTIVIDADE: financiamento dos primeiros gastos da actividade.

d) Subvención para a CONCILIACIÓN da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras: financiamento parcial do custo dos servizos de gardaría para aquelas persoas promotoras que teñan fillos/as menores de tres anos.


Entidades beneficiarias da axudas


Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas privadas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, agás as persoas físicas, comunidades de bens, sociedades civís, sociedades cooperativas e sociedades laborais, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos para cada tipo de axuda á que concorran e as seguintes circunstancias:

a) Que sexan empresas de nova creación.
b) Que sexan viables técnica, económica e financeiramente.
c) Que xeren emprego estable para persoas desempregadas.
d) Que teñan o seu domicilio social, fiscal e o seu centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.
e) Que sexan promovidas, como máximo, por cinco persoas e que entre os socios ou as socias promotoras non figure ningunha persoa xurídica.
f) Que a empresa teña un capital social máximo de 120.202 euros.
g) Que como mínimo o 50 % do seu capital social sexa de titularidade dos promotores e promotoras que sexan persoas desempregadas que creen o seu propio posto de traballo na empresa.

Ademais, tamén poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as empresas privadas que obtivesen a cualificación como iniciativa local de emprego (ILE) calquera que sexa a súa forma xurídica, incluídos autónomos/as e as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica.


Prazo de solicitude


O prazo xeral para a presentación de solicitudes das axudas deste programa finalizará o 30 de setembro de 2016.

Para as solicitudes de subvención á xeración de emprego estable polas actuacións realizadas antes da data de publicación da orde reguladora, o prazo é dun (1) mes contado desde o día seguinte á data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG núm. 135 de 18.07.2016).


Máis información


Orde do 27 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de fomento e consolidación do emprego nas pequenas empresas de nova creación e se procede á súa convocatoria para o ano 2016 (DOG núm. 135, 18.07.2016).

O Último