A Deputación de Pontevedra abre a convocatoria de bolsas do Plan de Práctica Laboral 2016 dirixido a persoas en desemprego sen experienc...

Bolsas do Plan de Práctica Laboral da Deputación de Pontevedra 2016


A Deputación de Pontevedra abre a convocatoria de bolsas do Plan de Práctica Laboral 2016 dirixido a persoas en desemprego sen experiencia previa que desexen completar a súa formación académica. Nesta ocasión serán arredor de 200 titulados/as universitarios/as e de Formación Profesional os/as que se beneficiarán deste periodo práctico nos concellos pontevedreses en áreas de coñecemento e actividades que faciliten a súa futura incorporación ao mercado de traballo.

As prácticas desenvolveranse durante un período de 6 meses, prorrogables por outros 6, e inclúen unha remuneración mensual aproximada de entre 700 ou 800 euros.

Os concellos de ata 10.000 habitantes poderán solicitar dúas prazas de bolseiros/as e aqueles cunha poboación comprendida entre 10.001 e 50.000 habitantes teñen asignados catro bolseiros/as. Entre outros requisitos, os concellos deberán presentar un programa formativo e identificar o persoal técnico da entidade que actuará como titor/a.

A Deputación asume o financiamento do plan, a distribución e asignación das bolsas entre os concellos solicitantes, a selección dos/as aspirantes, a adxudicación das bolsas, o pagamento da axuda ou subvención correspondente aos bolseiros/as e, asemade, a cotización á Seguridade Social.

Os municipios da provincia teñen de prazo ata o 12 de decembro para solicitar a inscrición neste plan de prácticas que segue as recomendacións da Unión Europea en materia de emprego xuvenil na que se require a participación de todas as institucións, públicas e privadas, para mellorar a situación laboral da mocidade.

Aberta convocatoria de selección de bolseiros/as




Máis información


O Último