O Plan Concellos 2016 da Deputación de Pontevedra permitirá a contratación laboral temporal de máis de 30 traballadores/as no Concel...

O Concello de Lalín contratará 34 traballadores/as a través do Plan de Concellos da Deputación de Pontevedra


O Plan Concellos 2016 da Deputación de Pontevedra permitirá a contratación laboral temporal de máis de 30 traballadores/as no Concello de Lalín. Este plan de cooperación provincial, destinado a sufragar no ámbito municipal investimentos, amortización, pagamento de débedas, gastos correntes, actividades culturais, deportivas, sociais, turísticas e medioambientais, contempla unha liña de subvencións para o emprego destinada á conservación e o funcionamento de bens e servizos mínimos de competencia municipal.


Sistema de selección, número de traballadores/as e duración dos contratos


O Concello de Lalín vai contratar 34 traballadores/as mediante este plan provincial. O proceso de selección, de acceso libre, comezará en breve. As contratacións, a xornada completa ou parcial, segundo as necesidades, terán unha duración de 10 meses, desde o día da contratación (previsiblemente en marzo) até o 31 de decembro de 2016.

Para participar haberá que cumprir os requisitos que establecerán as bases de contratación temporal (pendentes de publicarse) e en todo caso ser demandante de emprego, é dicir, estar inscrito/a como tal no Servizo Público de Emprego de Galicia (con ámbito de busca de emprego no municipio), e non ser perceptor/a de prestacións ou perceptoras de prestacións sociais destinadas a garantir os recursos económicos mínimos de subsistencia (RISGA, RAI, PREPARA e outros).

A tramitación das altas dos/as aspirantes no plan, até a cobertura total das prazas, corresponderá á oficina de emprego comarcal e a selección definitiva dos candidatos/as pertencerá ao concello de conformidade coa normativa reguladora do proceso e os criterios de preferencia que por esta orde se establecen:

1. Vítimas de violencia de xénero.
2. Candidatos/as maiores de 45 anos.
3. Candidatos/as que formen unha familia monoparental con fillos/as ao seu cargo.
4. Candidatos/as con niveis de renda máis baixa.
5. Candidatos/as con cargas familiares.


Categorías profesionais convocadas


As prazas convocadas pertencen a sectores, funcións ou categorías profesionais prioritarias e indispensables para poder satisfacer as necesidades básicas da vida persoal e social municipal. As persoas que queiran optar a elas poderán facelo nas seguintes categorías profesionais: 

4 limpadores/as (persoal de limpeza/limpador/a).
5 recepcionistas.
3 auxiliares de información turística (técnicos/as de información turística).
4 auxiliares administrativos/as (empregados/as administrativos/as, en xeral).
1 socorrista.
4 xardineiros/as (xardineiros/as, en xeral).
7 peóns/as albaneis/as (albaneis/as).
1 peón/a carpinteiro/a (carpinteiros/as, en xeral).
1 condutor/a de tractor desbrozadora - Oficial de 1ª (tractorista/manipuladores/as agrícolas).
1 peón/a soldador/a (soldadores MIG-MAG).
3 peóns/as de pinturas (pintores e/ou empapeladores).

As contratacións favorecerán a formación e práctica profesional das persoas desempregadas que se van contratar e responden a necesidades de persoal urxentes e inaprazables, é dicir, necesidades mínimas para o exercicio das funcións ou o desempeño das competencias municipais en termos razoables de eficacia tendo en conta a crise económica.

Realizarase un reforzo da brigada de obras e crearase, como novidade, unha brigada ambiental que terá como obxectivo o coidado e o mantemento de espazos naturais e rehabilitación do Paseo do Pontiñas.

O Último