A Fundación Galicia Europa abre a convocatoria de 6 bolsas para a formación práctica en asuntos europeos . Estas bolsas están dirixidas...

A Fundación Galicia Europa convoca 6 bolsas para a formación práctica en asuntos europeos



A Fundación Galicia Europa abre a convocatoria de 6 bolsas para a formación práctica en asuntos europeos. Estas bolsas están dirixidas a titulados/as universitarios/as e técnicos/as superiores en Formación Profesional. O seu obxectivo é facilitar á mocidade galega a mobilidade e o acceso ao mercado laboral, ademais de posibilitarlle a oportunidade de traballar nunha contorna multicultural.

A iniciativa enmárcase nun dos obxectivos fundacionais da entidade, a formación e sensibilización sobre a UE en Galicia.


Características e distribución das bolsas


As 6 bolsas distribúense da seguinte maneira:

CATRO BOLSAS estarán centradas no seguimento dos asuntos relacionados coas políticas comunitarias que máis afectan a Galicia. Para esta modalidade valoraranse preferentemente as seguintes titulacións: grao ou licenciatura en Dereito, Dirección e Xestión Pública, Ciencias Políticas, Relacións Internacionais e Ciencias Económicas.

UNHA BOLSA radicada na oficina de Bruxelas está destinada a licenciados/as ou graduados/as en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual, co obxectivo de que o/a beneficiario se familiarice coa comunicación e información das políticas comunitarias, das actividades da Fundación e da presenza de Galicia nos organismos europeos.

UNHA BOLSA dirixida a técnicos/as superiores en Secretariado ou en Asistencia á Dirección para a realización de prácticas na oficina de Bruxelas.


Requisitos das persoas aspirantes


Para concorrer a esta convocatoria as persoas aspirantes deberán cumprir, á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, os seguintes requisitos:

- Ser nacional dun Estado membro da UE.
- Ser natural de Galicia, ser fillo/a de galegos/as ou ter residencia en Galicia desde antes do 1 de xaneiro de 2014.
- Estar en posesión dalgún dos seguintes títulos, todos eles obtidos con posterioridade ao 31 de decembro de 2009: Para as bolsas de formación no seguimento dos asuntos relacionados coas institucións comunitarias e coas súas políticas así como coa captación de financiamento comunitario e xestión de proxectos europeos: título universitario superior (licenciatura ou grao). Para a bolsa de formación en comunicación e información das políticas comunitarias, das actividades da FGE e da presenza de Galicia nos organismos europeos: grao ou licenciatura en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual. Para a bolsa dirixida a titulados de formación profesional: título de Técnico/a Superior en Secretariado ou Técnico/a Superior en Asistencia á Dirección.
- Non ter sido beneficiario/a de ningunha bolsa da FGE en convocatorias anteriores por un tempo superior a 4 meses.
- Capacidade funcional: non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.


Prazo de presentación de solicitudes e proceso selectivo


As persoas interesadas poderán presentar as súas candidaturas coa documentación esixida ata o 22 de novembro, mediante envío por correo certificado ou depositándoa persoalmente en calquera das dúas oficinas da FGE. O proceso de selección desenvolverase de modo simultáneo para todas as categorías, comprendendo unha proba escrita, un concurso de méritos e unha entrevista persoal.


Que é a Fundación Galicia Europa?


A Fundación Galicia Europa (FGE) é unha entidade instrumental do sector público autonómico creada en 1988 co fin de promover todas as accións que propicien o achegamento entre Galicia e Europa. Participada por diversas entidades públicas e privadas galegas, a Fundación está vinculada funcionalmente á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa EU, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia. Conta con dúas oficinas: unha en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas, formando parte esta última das preto de 300 representacións rexionais establecidas na capital comunitaria.


Máis información


Web da Fundación Galicia Europa: Bolsas para titulados/as superiores universitarios/as e en formación profesional en asuntos europeos.

O Último