A Comunidade Autónoma de Galicia abre nova convocatoria do procedemento para a avaliación e a acreditación das competencias profesi...

Convocatoria de proceso de acreditación de competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral da Consellería de Economía, Emprego e Industria


A Comunidade Autónoma de Galicia abre nova convocatoria do procedemento para a avaliación e a acreditación das competencias profesionais adquiridas polas persoas a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación xestionada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

A xestión do procedemento compételle ao Instituto Galego das Cualificacións da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, órgano técnico encargado de levar a cabo estas accións atendendo prioritariamente a aquelas cualificacións profesionais que estean afectadas por unha regulación profesional.


Cualificacións e prazas obxecto de acreditación


As unidades de competencia convocadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria recollen un total de 2.015 prazas, 156 menos que na convocatoria anterior, nas seguintes cualificacións profesionais:

– Atención sociosanitaria a persoas no domicilio (SSC089_2): 536 prazas (336 da lista de agarda e 200 novas prazas).
– Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais (SSC320_2): 356 prazas (156 da lista de agarda e 200 novas prazas).
– Servizos para o control de pragas (SEA028_2): 108 prazas (58 da lista de agarda e 50 novas prazas).
– Xestión de servizos para o control de organismos nocivos (SEA251_3): 50 prazas.
– Socorrismo en espazos acuáticos naturais (AFD340_2): 207 prazas (7 da lista de agarda e 200 novas prazas).
– Socorrismo en instalacións acuáticas (AFD096_2): 438 prazas (188 da lista de agarda e 250 novas prazas).
– Extinción de incendios e salvamento (SEA129_2): 100 prazas.
– Tanatopraxia (SAN491_3): 150 prazas (39 da lista de agarda e 111 novas prazas).
– Operacións de vixilancia e extinción de incendios forestais e apoio a continxencias no medio natural e rural (SEA595_2): 70 prazas.

Requisitos para participar no procedemento

 
Para acceder a este procedemento, os candidatos/as deberán cumprir os requisitos seguintes: 

a) Posuír a nacionalidade española; atoparse incluído/a, como residente comunitario ou familiar deste, no ámbito de aplicación do Real decreto 240/2007, do 16 de febreiro, sobre entrada, libre circulación e residencia en España de cidadáns da UE, ou ser titular dunha autorización de residencia en España en vigor.

b) Ter 20 anos feitos no momento de realizar a inscrición.

c) Ter experiencia laboral e/ou formación non formal relacionada coas competencias profesionais que se queren acreditar:

1º. No caso de experiencia laboral: para as unidades de competencia das cualificacións de nivel 2 e 3, xustificar polo menos 3 anos, cun mínimo de 2.000 horas traballadas en total nos últimos 10 anos transcorridos antes de que se realice a convocatoria.

2º. No caso de formación non formal: para as unidades de competencia das cualificacións de nivel 2 e 3, xustificar polo menos 300 horas nos últimos 10 anos transcorridos antes de que se realice a convocatoria. Naqueles módulos formativos asociados á unidade de competencia que se pretende acreditar que consideren unha duración inferior, deberán acreditarse as horas establecidas nestes.

d) Non estar matriculado/a nun curso de formación profesional inicial, ordinario ou modular, ou non estar, no momento da inscrición, realizando formación profesional para o emprego, conducente á acreditación das unidades de competencia que solicita.

e) Non posuír ou estar en condicións de obter un título de formación profesional ou un certificado de profesionalidade que conteña a/as unidade/s de competencia que solicita, nin os seus equivalentes ou a acreditación parcial da/das unidade/s de competencia que solicita.

f) Non estar inscrito/a noutro procedemento de recoñecemento da experiencia profesional ou nas probas libres para a obtención do título de formación profesional, levado a cabo por calquera Administración ou organismo público, conducente á acreditación das mesmas unidades de competencia que solicita.

As persoas candidatas, maiores de 25 anos, que reúnan os requisitos de experiencia laboral ou de formación indicados no punto anterior, e que non os poidan xustificar mediante os documentos sinalados na orde, poderán solicitar a súa inscrición provisional no procedemento. Deberán presentar xustificación mediante algunha proba admitida en dereito da súa experiencia laboral e/ou aprendizaxe non formal de formación. A Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral designará asesores /as para estudar estes casos.

Prazo de solicitude


O prazo de inscrición para as unidades de competencia das cualificacións profesionais de Atención sociosanitaria a persoas no domicilio (SSC089_2), Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais (SSC320_2), Servizos para o control de pragas (SEA028_2), Xestión de servizos para o control de organismos nocivos (SEA251_3), Socorrismo en espazos acuáticos naturais (AFD340_2), Socorrismo en instalacións acuáticas (AFD096_2), Tanatopraxia (SAN491_3) e Extinción de incendios e salvamento (SEA129_2) será de 30 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (19.01.2017).

O prazo de inscrición para as unidades de competencia da cualificación profesional de Operacións de vixilancia e extinción de incendios forestais e apoio a continxencias no medio natural e rural (SEA 595_2) iniciarase o día 1 de marzo e finalizará o 31 de marzo de 2017.


Máis información




O Último