O Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), abre a convocatoria dunha liña de axudas destinada ás empresas con centro de traba...

Queres ser xestor/a de internacionalización? O IGAPE convoca axudas á contratación


O Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), abre a convocatoria dunha liña de axudas destinada ás empresas con centro de traballo en Galicia para a contratación de xestores/as de internacionalización.

O obxectivo desta liña de axudas é facilitar o acceso ao emprego das persoas desempregadas ou inactivas, especialmente daquelas con maiores dificultades de acceso ao mercado laboral, incluíndo as persoas paradas de longa duración e persoas afastadas do mercado laboral, ao mesmo tempo que se apoia ás pemes galegas no seu proceso de internacionalización.

A duración do contrato non poderá ser inferior a 15 meses e o resultado que se pretende é que os/as profesionais sigan contratados/as tras a súa participación neste programa na mesma empresa que recibiu a subvención ou noutras, grazas á experiencia práctica recibida.

Requisitos para ser contratado/a como xestor/a de internacionalización


a) Titulación universitaria ou titulación de formación profesional de técnico superior en comercio internacional.

b) Formación específica de posgrao en comercio internacional:

1º. Bolsa de prácticas de posgrao en internacionalización empresarial por un período igual ou superior a 6 meses, en organismos públicos nacionais ou estranxeiros, dentro do ámbito da internacionalización empresarial ou

2º. Máster de comercio exterior ou

3º. Curso completo de comercio exterior de duración igual ou superior a 140 horas.

c) Ter nacido a partir do 1 de xaneiro de 1980.

d) Non ter desempeñado en España con anterioridade a 29.12.2015 traballos por conta allea dados de alta no grupo de cotización 1 ou 2 por un período total superior a 185 días (experiencia laboral en España distinta a bolsas de formación ou prácticas) nin ter estado dado de alta como autónomo en España con anterioridade á devandita data, por un período superior a 185 días, nun CNAE relacionado con comercio por xunto ou con actividades profesionais.

e) Estar dado de alta como demandante de emprego (ou demandante de mellora de emprego) no servizo público de emprego de Galicia ou, se é o caso, estar inscrito no Sistema nacional de garantía xuvenil, antes da data de presentación da súa solicitude de axuda.

f) No caso de estar inscrito no Sistema nacional de garantía xuvenil, non ter traballado nos trinta días naturais anteriores á sinatura do contrato.

Máis información


Resolución do 28 de decembro de 2015 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a contratación de xestores/as de internacionalización, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.
Resolución do 14 de xaneiro de 2016 pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes da Resolución do 28 de decembro de 2015 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a contratación de xestores de internacionalización, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

O Último