A Fundación Paideia bota a andar o programa "La IdA", un proxecto dirixido á mocidade galega inscrita no Sistema Nacional ...

Prácticas en empresas europeas da Fundación Paideia para mozos/as galegos/as inscritos/as en Garantía Xuvenil


A Fundación Paideia bota a andar o programa "La IdA", un proxecto dirixido á mocidade galega inscrita no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil que permite a realización de prácticas formativas, curso de idiomas e actividades culturais e deportivas noutro país da Unión Europea.


Destinatarios/as


O programa está dirixido a mozos/as residentes en Galicia de entre 16 e 29 anos que estean inscritos/as no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil e que estean en posesión dalgúns dos seguintes títulos educativos:

Educación primaria, PCPI, ESO, Formación Profesional e Bacharelato.


Preparación e desenvolvemento do programa


O sistema metodolóxico conleva dous pasos. Primeiro hai unha parte de preparación en Galicia na que se fai un curso de idiomas, formación intercultural, trámites administrativos e actividades culturais/deportivas na Coruña e/ou Padrón. Posteriormente, pásase á mobilidade propiamente dita e realízanse as prácticas formativas en empresas europeas, curso de idiomas e actividades culturais/deportivas.

Os/as participantes poden optar a realizar prácticas en diferentes sectores tales como fabricación mecánica, saúde, estética e perruquería, construción, mecánica, madeira e mobles, deporte, xardinería, turismo, etc…

Unha vez estean finalizadas as prácticas, faise a avaliación  e peche de proxecto ao que se suma un servizo de orientación.


Duración e cobertura económica


O programa ten unha duración habitual de 1 a 3 meses e non ten custe económico. A mobilidade realízase nun grupo formado por 8 – 12 participantes. Un mediador/a transnacional acompaña ao grupo e un titor/a de contacto hispano falante asesora ao grupo durante toda a estancia no país de acollida.

A cobertura económica do programa cubre o aloxamento, manutención, billetes de avión e traslados locais no país de destino á empresa onde se realizarán as prácticas, seguro de asistencia en viaxe e mediador/a e titor/a de contacto.


Sobre a Fundación Paideia


A Fundación Paideia é unha entidade comprometida coa loita contra o desemprego e a mellora da cualificación dos mozos/as.  Non en vano, ten como misión promover a innovación social desde a excelencia e interdisciplinariedade, a través da creación de proxectos innovadores e sostibles que fomenten o emprego de colectivos en desvantaxe, a igualdade de oportunidades e o desenvolvemento económico. O programa "La IdA" está dirixido a mellorar a integración profesional dos mozos/as a través do intercambio e a mobilidade.


Máis información e inscricións


O vindeiro 4 de febreiro haberá unha xornada informativa na sede da Fundación Paideia (Praza de María Pita 17, A Coruña) ás 17:00 h. onde ademais se abordará outro programa, o Servizo de Voluntariado Europeo.


O Último