A Deputación de Pontevedra aprobou este venres o Plan de Práctica Laboral 2016 en empresas para mozos/as con titulación universitaria o...

Aprobado o Plan de Práctica Laboral en empresas da Deputación de Pontevedra con 400 bolsas para mozos/as sen experiencia laboral


A Deputación de Pontevedra aprobou este venres o Plan de Práctica Laboral 2016 en empresas para mozos/as con titulación universitaria ou de formación profesional sen experiencia laboral. A institución provincial vai destinar durante este ano 669.192 euros a este plan que busca conseguir un impacto positivo á hora de reducir a taxa de desemprego xuvenil.


Número de bolsas e entidades beneficiarias


En total promoverase que 400 persoas sen experiencia laboral previa no ámbito dos seus estudos poidan traballar en empresas da provincia de Pontevedra. En concreto, 360 das persoas beneficiarias traballarán en empresas privadas e 40 en corporacións sectoriais e organizacións non gobernamentais.

A finalidade: promover e completar a súa formación académica para facilitar a súa futura incorporación ao mercado de traballo.


Contía, duración e xestión das bolsas


O Plan remunerará a prestación de servizos das persoas beneficiarias cunha bolsa de entre 700 e 800 euros ao mes durante 6 meses, con posibilidade de prórroga por outros seis.

A Deputación encargarase do financiamento do Plan así como da selección, distribución, asignación das bolsas entre as empresas e entidades solicitantes, da selección das persoas bolseiras, da adxudicación das bolsas e do pago da axuda e cotización á seguridade social.


Aberto o prazo de solicitude para as entidades


As empresas interesadas en participar no plan deberán realizar unha preinscrición online e entregala, coa documentación solicitada, no rexistro xeral da institución.

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte (20) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO nº 71 14.04.2016).

Unha vez finalizado o prazo realizarase unha convocatoria pública, destinada á mocidade, coa relación das empresas participantes e titulacións demandadas polas mesmas.


Máis información


Convocatoria destinada ás empresas, corporacións sectoriais e organizacións non gobernamentais da provincia de Pontevedra para participar no Plan de Práctica Laboral da Deputación de Pontevedra 2016 (BOPPO nº 71 14.04.2016) 
Espazo na web da Deputación Provincial do Plan de Práctica Laboral en empresas 2016.


Pendente a convocatoria de selección de bolseiros/as


O Último