A Deputación de Pontevedra abre a convocatoria de 15 bolsas de práctica laboral de mestres/as composteiros/as con destino ao "Plan ...

Convocadas 15 bolsas de práctica laboral de mestres/as composteiros/as para o Plan Compost Revitaliza da Deputación de Pontevedra


A Deputación de Pontevedra abre a convocatoria de 15 bolsas de práctica laboral de mestres/as composteiros/as con destino ao "Plan Compost Revitaliza" provincial.

As bolsas teñen a finalidade de formar a persoas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia na área da xestión dos residuos orgánicos de orixe doméstica de cara á súa incorporación ao mercado laboral como mestres/as composteiros/as.

As persoas bolseiras prestarán os seus servizos nos centros de compostaxe comunitaria (CCC), implantados naqueles concellos da provincia de Pontevedra que participan neste posto en marcha desde a Deputación de Pontevedra.


Requisitos de inscrición nas bolsas


Poderán ser beneficiarias destas bolsas as persoas físicas que, tendo plena capacidade de obrar e non estando inhabilitadas para obter axudas e subvencións públicas, reúnan os seguintes requisitos:

1. Ter a nacionalidade española

2. Estar en posesión do título de bacharelato, ciclo superior de FP, grao, diplomatura, enxeñería, licenciatura ou equivalente. No caso de equivalencia ou homologación deberá xustificarse cun certificado expedido polo organismo competente para establecelas.

3. Ter finalizados os estudos esixidos para esta bolsa con posterioridade ao 31 de decembro do ano 2004.

4. Non estar incapacitadas fisicamente nin padecer unha enfermidade que poida impedir o desenvolvemento da actividade obxecto da bolsa.

5. Non estar a gozar na actualidade doutra bolsa dos plans de práctica laboral da Deputación de Pontevedra nin nos distintos centros ou servizos desta, nin en concellos ou empresas da provincia, e tomarase como referencia para tal efecto o período de tempo que transcorre desde a data da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) ata o día en que teña lugar a finalización do proceso de selección destas bolsas.

6. Non ser beneficiarias dunha bolsa dos plans de práctica laboral da Deputación de Pontevedra nos distintos centros ou servizos nin nos concellos ou empresas da provincia durante os derradeiros doce meses, contados ata a data de publicación desta convocatoria.

7. Estar inscritas no Servizo Público de Emprego como demandantes ou en mellora de emprego.

8. Acreditar o coñecemento da lingua galega, nivel CELGA III ou superior.

9. Non estar incursas nalgunha das prohibicións sinaladas no artigo 13 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións (LXS).

10. Estar dispostas a realizar polos seus propios medios os desprazamentos aos centros de destino de traballo, considerando o Pazo provincial como o centro de orixe.


Curso de formación


Entre todas as persoas concorrentes seleccionaranse 20 para realizar un curso teórico-práctico de 4 semanas de duración impartido por persoal especializado en materia de compostaxe co obxecto de formalos como mestres/as composteiros/as.

As 15 persoas que finalmente resulten elixidas exercerán como asesores/as e animadores/as deste método de tratamento da materia orgánica de orixe domiciliaria.


Dotación económica e duración das bolsas


A dotación económica de cada unha das bolsas ascenderá aos 1.400,00 €/mes, que inclúe todos os gastos en que incorra a persoa bolseira en concepto de axudas de custo ou desprazamentos por razón da actividade que se vai desenvolver.

A duración das bolsas será de 6 meses desde a incorporación das persoas beneficiarias, prorrogables outros 6 meses ata un máximo de 1 ano.


Presentación de solicitudes e prazo


Para solicitar estas bolsas é necesario realizar unha preinscrición a través páxina web da Deputación de Pontevedra (www.depo.es). O xustificante electrónico xerado durante o proceso de preinscrición deberá presentarse, xunto coa documentación establecida na convocatoria, no Rexistro da Deputación, dentro do prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes é de 10 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO núm. 16 do 24.01.2017).


Máis información


Bases da convocatoria de 15 bolsas de práctica laboral de mestres/as composteiros/as con destino ao Plan Compost Revitaliza da Deputación de Pontevedra (Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, BOPPO núm. 16 do 23.01.2017).


O Último