O Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) publica a convocatoria dunha liña de axudas destinadas á creación de empresas para...

Axudas destinadas á creación de empresas para actividades non agrícolas en zonas rurais


O Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) publica a convocatoria dunha liña de axudas destinadas á creación de empresas para actividades non agrícolas en zonas rurais. Estas axudas están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

Serán subvencionables os proxectos dirixidos á creación de emprego: primeira implantación e desenvolvemento de novas actividades económicas non agrarias viables, que deben contribuír á diversificación económica, crecemento de emprego, sustentabilidade do medio rural e equilibrio territorial, tanto en termos económicos como sociais.


Persoas beneficiarias


a) Os titulares ou membros dunha unidade familiar dunha explotación agraria que diversifiquen as súas actividades en ámbitos non agrícolas e que desenvolvan o seu proxecto na propia explotación.

b) As microempresas e pequenas empresas de nova creación ou que inicien unha actividade distinta á que tiña no momento da solicitude da axuda.

c) As persoas físicas que residan nunha zona rural, ben para crearen unha nova empresa ben para seguiren traballando na preexistente como traballadores/as por conta propia.


Actividades subvencionables


Serán subvencionables, con carácter xeral, as seguintes actividades:

a) Industrias, fábricas e locais destinados á produción de bens e materiais. Non obstante o anterior, os investimentos relacionados coa utilización da madeira como materia prima ou fonte de enerxía limitaranse ás operacións de segunda transformación.

b) Transformación e/ou comercialización de produtos agrarios, cando o produto final do proceso de transformación e/ou comercialización derivado dos investimentos non estea incluído no anexo I do Tratado de funcionamento da Unión Europea (TFUE).

c) Prestación de servizos en calquera sector económico (agricultura, silvicultura, sector industrial e de servizos...).

d) Prestación de servizos sociais (gardarías, coidado de anciáns, de persoas con discapacidade, granxas-escola...).

e) Actividades de lecer, recreativas e deportivas.

f) Artesanía e actividades artesanais.

g) Actividades baseadas nas novas tecnoloxías da información e da comunicación (TIC), innovación tecnolóxica e comercio electrónico.

h) Actividades nos sectores da enxeñaría, arquitectura, servizos técnicos, limpeza industrial, servizos técnicos, contabilidade, veterinaria.

i) Comercio ao retallo de produtos non incluídos no anexo I do TFUE.

j) No sector da restauración turística, exclusivamente a creación de novos restaurantes situados en construcións patrimoniais senlleiras (pazos, muíños, patrimonio industrial, pallozas, faros…) e que vaian ofertar unha cociña baseada na gastronomía galega tradicional ou que con ese substrato propoñan técnicas innovadoras ou fusións con outras gastronomías do mundo.


Requisitos dos proxectos


a) Non ter comezado antes da presentación da solicitude de axuda.
b) Os gastos e/ou investimentos incluídos no plan de negocio que deberá presentar o/a solicitante terán que estar localizados no centro de traballo da empresa en Galicia.


Contía da axuda


A axuda consistirá nunha prima cuxa contía básica se establece en 20.000 euros e que poderá incrementarse ata un máximo de 70.000 € en determinadas situacións como o rango de gasto e investimento, a creación de emprego adicional...

Os proxectos territorialmente encadrados en Lalín, ao localizarse nunha zona con limitacións naturais e/ou outras limitacións específicas incluídas no artigo 32 do Regulamento (UE) 1305/2013, teñen un incremento de 5.000 €.


Prazo de presentación de solicitudes


O prazo de presentación de solicitudes é de 2 meses contados desde o día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia (01.03.2017).


Máis información


Resolución do 16 de febreiro de 2017 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas destinadas á creación de empresas para actividades non agrícolas en zonas rurais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (Galicia Rural Emprende) (DOG núm. 42 do 1 de marzo de 2017).

O Último