Correos oferta este ano 1.606 postos de traballo de persoal laboral fixo, 94 nas provincias galegas . A Sociedade Estatal Correos e T...

Correos convoca 1.606 empregos, 94 en Galicia. Poden solicitarse até o 30 de xullo


Correos oferta este ano 1.606 postos de traballo de persoal laboral fixo, 94 nas provincias galegas. A Sociedade Estatal Correos e Telégrafos manterá aberto até o 30 de xullo o prazo para a inscrición nesta convocatoria de ingreso de persoal operativo (Grupo Profesional IV).


Postos convocados


En Galicia ofértanse un total de 94 postos: 29 na provincia de Pontevedra, 57 na da Coruña, 4 na de Ourense e 4 na de Lugo.

As funcións e tarefas dos postos convocados son:

a) Repartición 1 e servizos rurais motorizados: realiza a distribución de envíos, paquetería e outros, usando un vehículo de dous (motocicleta) ou de catro rodas (coche) en unidades de repartición ou ámbitos rurais. Require permisos de condución.

b) Repartición 2 e servizos rurais non motorizados: realiza a distribución de envíos de correspondencia, paquetería e outros a pé, en unidades de repartición.

c) Axente/clasificación: realiza a manipulación, clasificación, carga e descarga de envíos e paquetería en centros loxísticos.


Proceso selectivo


A convocatoria realízase no marco do proceso de consolidación de emprego temporal, un sistema de selección destinado á contratación fixa dos candidatos/as que superan unha proba xeral máis a valoración dos méritos achegados.

En primeiro lugar, os/as aspirantes realizarán un cuestionario tipo test en modalidade presencial con carácter eliminatorio. Este exame constará de dous tipos de contidos, un 90% de temario relacionado con Correos (paquetería, admisión, entrega...) e un 10% psicotécnico. Durará 90 minutos e os fallos non restan puntuación. Deberase obter un mínimo de 15 puntos, sendo a puntuación máxima 30 puntos. Unha vez superada esta proba chégase á fase de méritos, onde se poderá obter un máximo de 19 puntos (21 para os postos de repartición 1).


Requisitos das persoas solicitantes


Os requisitos que deben reunir as persoas solicitantes para poder participar na convocatoria son os seguintes: 

- Cumprir a idade legal de contratación prevista para cada posto de traballo.
- Cumprir os requisitos contractuais conforme á lexislación vixente en materia de permisos de traballo ou calquera outra que a substitúa.
- Estar en posesión do título de ESO, Graduado Escolar ou titulación oficial que a substitúa, ou coñecemento, experiencia e aptitudes, adquiridos no desempeño da súa profesión, equivalentes a esta titulación, de acordo co III Convenio Colectivo, para o desempeño dos postos de traballo do Grupo IV Persoal Operativo. 
- Non manter na actualidade unha relación laboral fixa en Correos. 
- Non ser separado/a do servizo nin despedido disciplinariamente, por feitos acaecidos no ámbito das sociedades do Grupo Correos. 
- Non ter un contrato de traballo extinguido con Correos pola non superación do período de proba no desempeño do posto solicitado no proceso. 
- Non ser avaliado negativamente polo desempeño do posto de traballo en Correos solicitado no proceso. 
- Non acharse inhabilitado/a para o desempeño de funcións públicas por sentenza firme. 
- Non padecer enfermidade ou limitacións físicas ou psíquicas para o normal desempeño das tarefas e funcións a realizar, segundo criterio dos servizos médicos da empresa. 
- Cumprir cos requisitos establecidos legal e convencionalmente para os postos de traballo ofertados na convocatoria.


Solicitude de participación


As persoas que desexen tomar parte na convocatoria deberán presentar a súa candidatura, exclusivamente, a través do procedemento habilitado na Web de Correos, coas instrucións previstas nas ligazóns específicas para a convocatoria. Para acceder ao formulario a través da Web, www.correos.es, na páxina principal, Información Corporativa > Recursos Humanos.

Só se pode realizar a inscrición nunha provincia e para un máximo de 2 tipos de posto.


Dereitos de participación


O importe dos dereitos pola participación neste proceso selectivo é de 10 euros. 


Máis información



O Último