O Concello de Lalín abre a convocatoria 2017 do Programa Municipal de Axudas para a Creación de Empresas, unha iniciativa dirixida a ...

Xa podes solicitar as axudas municipais para a creación de empresas 2017


O Concello de Lalín abre a convocatoria 2017 do Programa Municipal de Axudas para a Creación de Empresas, unha iniciativa dirixida a impulsar a actividade empresarial no ámbito municipal.

A institución local destinará 26.000 euros a esta liña de axudas apoiando con 1.800 euros a posta en marcha de cada novo proxecto empresarial.

A convocatoria está dirixida a empresarios/as individuais, autónomos/as e as pequenas e medianas empresas, independentemente da súa forma xurídica, que iniciasen a súa actividade empresarial entre 16 de setembro de 2016 e o 15 de setembro de 2017, ambos inclusive.


Gastos subvencionables


Serán gastos subvencionables os gastos de constitución e apertura, a adquisición das primeiras compras de mercadorías, de materias primas e doutros consumibles utilizados no proceso de produción ou comercialización; os gastos de alugueiro de local, de maquinaria ou de equipamentos informáticos e de elementos de transporte; as primas de seguros; as subministracións e gastos correntes derivados directamente de realización de actividade empresarial; os dereitos de propiedade industrial e os gastos de publicidade.


Requisitos para ser beneficiario/a das axudas


Poderán acollerse a estas axudas os/as empresarios/as individuais, autónomos/as e as pequenas e medianas empresas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a empresa, negocio ou explotación teña o seu enderezo fiscal e social no Concello de Lalín e un centro de traballo no municipio.

b) Que a persoa promotora solicitante estea empadroada no Concello de Lalín, no caso de ser un/ha profesional ou traballador/a autónomo/a, ou alomenos un dos socios/as, no caso das demais formas xurídicas.

c) Que o inicio da actividade empresarial ou profesional se realizase dentro do período subvencionable, entre o 16 de setembro de 2016 e o 15 de setembro de 2017, ambos inclusive.

d) Que os/as solicitantes, socios/as, promotores/as da empresa sexan propietarios/as, como mínimo, do 33% do capital social da empresa.

e) Que os/as solicitantes sexan persoas desempregadas e creen, polo menos, o seu propio posto de traballo acreditado coa alta no réxime especial de traballadores/as autónomos/as ou en calquera outro réxime que lle corresponda da Seguridade Social. Considerarase persoa desempregada aquela que figure inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego e que, pola súa vez, careza de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e, se é o caso, segundo certificado da mutualidade do colexio profesional, no día anterior á data de alta no correspondente réxime da Seguridade Social.

f) Que as persoas solicitantes non desenvolvesen como traballadores/as autónomos/as a mesma ou similar actividade nos seis (6) meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova actividade, nin estivesen de alta como traballadores/as autónomos/as, nos tres (3) meses inmediatamente anteriores.

g) Que entre os socios/as da empresa solicitante non figure ningunha persoa xurídica.

h) Que nin a empresa, nin os socios/as promotores/as, teña débedas coa Seguridade Social, coa Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT), nin co Concello de Lalín.

i) Que nin a empresa solicitante, nin os socios/as promotores/as sexan socios/as doutra empresa que se adique á mesma ou similar actividade.

j) Que a empresa conte con licenza de actividade, ou teña presentado comunicación previa para o exercicio da actividade, en función do réxime que lle corresponda, con data anterior á finalización do prazo de presentación de solicitudes. No caso de presentar comunicación previa, esta deberá estar ratificada polo órgano competente con anterioridade á concesión da subvención solicitada.

k) Que se empregue a lingua galega na realización dalgunha actividade propia da empresa.

Non se financiarán proxectos nos que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10, apartados 2 e 3 de Lei 9/2007, do 13 de xuño, de Subvencións de Galicia e no artigo 13 de Lei 38/2003, do 17 de novembro, Xeral de Subvencións e as actividades subvencionadas ou financiadas no mesmo exercicio por medio doutras convocatorias ou convenios asinados co Concello de Lalín.


Prazo de presentación de solicitudes


As axudas deste programa poderanse solicitar durante 20 DÍAS NATURAIS desde o día seguinte a publicación do extracto no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (09.11.2017): Do 10/11/2017 ao 29/11/2017 (ambos inclusive).


Máis información


Extracto das bases reguladoras e convocatoria do Programa Municipal de Axudas para a Creación de Empresas no Concello de Lalín (Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, BOPPO núm. 215 do 9 de novembro de 2017).
Bases reguladoras e convocatoria do Programa Municipal de Axudas para a Creación de Empresas no Concello de Lalín (Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, BOPPO núm. 211 do 3 de novembro de 2017).
Páxina web do Concello de Lalín (www.lalin.gal): Concello Aberto - Axudas, Premios e Bolsas.

O Último