O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia abre a convocatoria de varias edicións de cursos prevención de riscos labora...

Cursos públicos e gratuítos de Nivel Básico de Prevención de Riscos Laborais do ISSGA


O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia abre a convocatoria de varias edicións de cursos prevención de riscos laborais de nivel básico, públicos e gratuítos, en modalidade de teleformación (on-line).

Os cursos terán 150 prazas e unha duración de 60 horas. Darán comezo o vindeiro 14 de marzo de 2017.


Finalidade e contido


Os cursos teñen como finalidade proporcionar o nivel de capacitación necesario para desenvolver as funcións de xestión da prevención, establecidas no artigo 35 do Regulamento dos Servizos de Prevención. Asímesmo, buscan proporcionar aos empresarios/as a formación e os coñecementos que os capaciten para xestionar a prevención nas súas propias empresas ou centros de traballo.

O contido mínimo do programa de formación é o establecido para o desempeño das funcións de nivel básico, no anexo IV-A) do Regulamento dos Servizos de Prevención, cun engadido sobre prevención de riscos laborais desde a perspectiva de xénero (10 horas).


Persoas ás que se dirixe


1. Traballadores/as en xeral, así como aqueles designados/as para realizar funcións preventivas de nivel básico na empresa.
2. Profesionais que necesiten no seu ámbito profesional posuír coñecementos en prevención de riscos.
3. Todas aquelas persoas con inquietudes no ámbito da seguridade e a prevención de riscos na empresa.

Non se require titulación específica.


Modalidade de formación


A modalidade de realización é a teleformación (en liña) a través da plataforma da Escola Galega de Administración Pública (EGAP).


Prazo de inscrición


Todas as persoas interesadas poderán realizar a inscrición, até esgotar as prazas dispoñibles, até o 23 de febreiro de 2017 ás 23:55 horas. Para solicitalos é necesario ter unha conta na EGAP (pode creala en calquera momento) e matricularse no curso (no período de inscrición correspondente). 


Superación do curso


Para obter a acreditación correspondente será imprescindible a superación de todas as probas de avaliación, envío das actividades e exercicio final presencial que terá lugar en calquera dos catro centros provinciais do ISSGA ou nas dependencias da EGAP en Santiago de Compostela o 11/05/2017 ás 10:00 horas.


Máis información


Curso de Prevención de Riscos Laborais en Liña. Nivel Básico. Edicións T01, T02 E T03 na páxina web do ISSGA.

O Último