A Vicepresidencia e a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza abren a convocatoria de subvencións para promover o...

Subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora das persoas galegas retornadas


A Vicepresidencia e a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza abren a convocatoria de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas.

Esta liña de axudas ten como finalidade sufragar os gastos de establecemento das persoas galegas retornadas como persoas traballadoras autónomas ou por conta propia, ou como socias traballadoras de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado.


Destinatarios/as


Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas que, residindo fóra de España, se establezan na Comunidade Autónoma galega:

1. As persoas galegas e nacidas en Galicia.
2. Os/as cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e os/as fillos/as das persoas galegas e nacidas en Galicia.


Gastos subvencionables


Serán gastos subvencionables os de establecemento relacionados coa actividade tales como gastos de notaría e rexistro, cursos técnicos específicos, subscricións, cotas de participación en asociacións empresarias ou profesionais e gastos de colexiación, servizos de profesionais, tributos, licenzas administrativas, gastos derivados do desenvolvemento e implantación da páxina web e da pasarela de pagamento para a realización de vendas en liña, publicidade e propaganda, primas de seguros, arrendamento de local, de maquinaria, de vehículos e de equipamentos informáticos e subministración de servizos imputables ao desenvolvemento da actividade (calefacción, gas, auga, electricidade, telefonía e internet), xerados nos tres meses anteriores á alta no réxime correspondente da Seguridade Social ou mutualidade do colexio profesional que corresponda ata a finalización do prazo de xustificación recollido nesta resolución.

Quedan excluídos do ámbito de aplicación os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación e os impostos persoais sobre a renda.


Prazo de solicitude


O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia (20.02.2017) e finalizará o 29.09.2017.


Máis información


Resolución do 7 de febreiro de 2017, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017 (DOG núm. 35 do 20.02.2017).

O Último